Pedra Longa


Despois da Casa Moura, a seguinte paraxe máis apreciada polas tordoienses é a Pedra Longa. Trátase dunha gran formación rochosa, onde a pedra principal ten forma de cono invertida con trece metros de alto por sete de diámetro, que semella un gran menhir.

Este lugar recolle unha gran cantidade de lendas, algunhas delas conta que polos anos cincuenta, convocouse unha especie de concurso para ver se alguén se atrevía a subir ata a parte superior da pedra maior. Ao final, dous ousados veciños conseguiron subir a través dun sistema de cordas, e un deles comentou a existencia dunhas inscricións no seu cumio. No 2019, o párroco local quixo comprobar a existencia destes supostos petroglifos, e subiu coa axuda cunha grúa ao máis alto deste conxunto granítico, onde encontrou certas marcas gravadas na pedra. Dende o concello deuse traslado a Patrimonio Cultural de Galicia deste achado, aínda que polo momento non hai ningún resto arqueolóxico catalogado nesta zona.

Ao redor desta pedra recóllense un gran número de lendas. Fálase de poderes fecundadores, cóntase que a propia pedra foi trasladada ata este lugar pola Virxe, ou que o día de San Xoán, antes de saír o sol, anda unha galiña con pitos ao redor destas pedras.

A Pedra Longa é un conxunto de pedras situadas no alto de Seixán, na parroquia de Cabaleiros. Pode chegarse ata ela dende a estrada DP-7804, xirando en Cabaleiros cara Seixán, seguindo as indicacións de “Pedra Longa”. Un quilómetro despois de que pasemos a Igrexa de San Xián de Cabaleiros, podemos chegar a este fermoso paraxe.

Ver localización no Google Maps