Fonte da Nosa Señora de Bardaos


A fonte da Nosa Señora de Bardaos é unha fonte milagreira.

Segundo unha historia que nos contan veciños e veciñas do lugar, a finais da década dos 70 houbo una seca moi grande froito de moitos meses sen chover

As colleitas dábanse por perdidas o que auguraba ano de penuria e fame, un ano difícil para a maioría das familias.

Por aquel entón o cura da parroquia era D. Wenceslao, xa falecido, quen ante a preocupación por tan grave seca, decidiu chamar a veciños e veciñas para levar á Santa en procesión ata a Fonte da Nosa Señora ao pé do río Mordón.

Convencida a veciñanza pola rogativa organizada polo benquerido cura, fóronse todos/as en procesión á procura da intercesión diviña. Chegados ao lugar D. Wenceslao lavoulle a cara á Santa coa auga da fonte mentres invocaba axuda para rematar coa aquela seca.

De regreso á igrexa e no medio do camiño, de repente empezaron a caer unhas pingueiras que a medida que ían andando con máis forza batían no chan, ocasionando que tiveran que apurar o paso para que a Santa non se mollara! Pois si, producíndose o milagre empezou a chover!

E mentres chovía e chovía, veciños e veciñas de Bardaos mirando ao ceo rezábanlle a Nosa Señora con devoción en agradecemento por aquela auga que tanto necesitaban.

Ver localización en Google Maps